A editorial Nosolorol, seguindo o ronsel de éxitos do cómic de Stan Sakai, Usagi Yojimbo, editou en España o segundo xogo de rol baseado na súa obra.
Digo segundo, dado que xa existiu un anterior, editado por Gold Rush, e que empregaba o sistema Fuzion. Actualmente esta versión, absolutamente descatalogada, pódese atopar unicamente en Ebay e outros portais de poxa (e se tedes sorte, nalgunha tenda).
En canto ao novo xogo, é dunha compañía (Sanguine) que xa editou dous xogos que alcanzaron certa notoriedade no mercado anglosaxón, ambos os dous onde os protagonistas pertencen a razas derivadas de animais, polo que ambos os dous xogos se coñecen como "furry games". Os xogos son o Ironclaw, de temática fantástica-medieval, e o Jadeclaw, a súa contrapartida oriental.
Polo tanto, os rapaces de Sanguine xa teñen experiencia con xogos protagonizados por "animais"
Volvendo ao protagonista deste tema, o xogo de Usagi, hei de dicir que esta versión intenta capturar o estilo do cómic usando un sistema de xogo bastante sinxelo, e que recorda en certa medida un cruzamento entre o do Vampiro e o do Earthdawn.
Explícome, segundo o rango que teñas nunha habilidade, tiras un tipo de dado diferente (o normal é tirar entre 1 d 4 e un d12). O resultado do dado compárase contra unha dificultade, e se igualas ou superas, tes éxito.
Nalgúns casos pódese sumar o atributo, ou mesmo o teu dado de carreira (agora explico isto), pero estes dados non se suman, senón que tíranse por separado e compáranse individualmente contra a dificultade, polo que podes obter máis dun éxito (o que é beneficioso).
O sistema de creación de personaxes baséase en habilidades e dons (vantaxes), aínda que no momento de creación se debe asignar á túa carreira (profesión) un dado coma se fose un atributo máis. Isto o que fai é que a determinadas habilidades, que varían segundo a profesión, poidas tirar adicionalmente ese dado, aumentando así as túas posibilidades de éxito.
En canto ao sistema de combate, este esta pensado en usar miniaturas (pódese prescindir delas, pero é moi recomendable usalas), aínda que en liñas xerais é bastante sinxelo e rápido.
A maxia, por outra parte, é inexistente. Figuran un par de dons especiais, pero pódese afirmar que a maxia é terreo do misterioso e se reserva os personaxes non xogadores.
Con isto quérese retratar o máis fielmente posible o ámbito dos cómics de Usagi, que non é máis que o Xapón feudal, no período do Shogunato Tokugawa. Pode parecer isto un tanto estraño, á fin e ó cabo, o cómic protagonízano animais, pero Stan Sakai recrea fielmente como foi esa convulsa etapa da historia xaponesa. Empregar animais é un recurso narrativo co que o autor nos quere facer máis próxima unha cultura que a moitos lles pode resultar completamente alienigena.
Se vos gustan os xogos de corte oriental, e non vos resulta "estúpida" a idea de xogar con animais, o Usagi Yojimbo JdR é unha boa elección, pois quere representar unha época histórica de forma bastante fiel, empregando regras bastante sinxelas.
En cambio, se non vos gustou o cómic, será difícil que vos guste o xogo, pois o máximo empeño dos seus autores foi recrealo de forma veraz.
202 páxinas en branco e negro
Portada a cor
24 €
1 may 2011
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario