26 feb 2010

Pluto




Autor: Naoki Urasawa / Osamu Tezuka
Edita: PlanetaDeAgostini
Xénero: Seinen

7 de Abril de 2003. Esa foi a data de nacemento que elixiu Osamu Tezuka para o protagonista de "Astroboy", cando se empezou a publicar nos anos 50. Hai xa uns cantos anos que deixamos esa data atrás, pero o 2003 foi indubidablemente o ano Astroboy: reemisions, reedicións, nova serie de animación e... Pluto, manga realizado para a ocasión por Naoki Urasawa.

Urasawa é xa un gran coñecido entre os lectores Españoles: os seus comezos con Yawara (Cinto negro), ou a gran revelación que supuxo Monster e o seu seguinte cómic 20th Century boy.
Sendo un gran fan, Urasawa quixo aproveitar ese ano de homenaxes a Astroboy para homenaxear ao seu modo o mestre, e ofreceuse voluntariamente para realizar un remake da saga mais popular do robot:
"O mellor robot sobre a face da terra" (Publicada por Glénat na súa edición Española de Astroboy no tomo 3).
Tras algunha que outra discusión cos descendentes de Tezuka, se decidiu que o mellor sería que Urasawa fixese a súa propia versión persoal da historia....
máis que un Remake con todas as da lei. E así naceu Pluto.

A diferencia do cómic orixinal, este non está protagonizado polo célebre Astroboy, senón por un detective robot chamado Gesicht (en alemán, cara), da Europol. A historia comeza co asasinato dun robot, pouco despois un humano dun movemento de defensa dos dereitos dos robots correrá a mesma sorte.
O investigador Gesicht tratará de levar a cabo a investigación, e ver se detrás de todo o asunto se atopa un humano que odia aos robots ou (peor aínda) trátase dun robot asasino. A única pista que ten son dous enormes cornos negros que aparecen como sinal en todas as escenas do crime.




Urasawa leva a historia ao seu terreo, creando un cómic de misterio e suspense, mentres explora a complicada relación entre homes e robots, e que separa uns doutros. Quen lera a historia orixinal, sabe parte do que vai acontecer, pero hai que ter en conta que falamos dunha das historias máis lidas en Xapón, Urasawa conta con iso e mete varias capas de historia adicionais que ademais de enriquecer o cómic, chegan a ter tanto interese como a propia historia principal.

A obra consta de 8 tomos e xa podemos gozar dos 6 primeiros. Tendo en conta a calidade do cómic en si, debería ser compra obrigada para calquera afeccionado (e se ademais un se le a historia orixinal, mellor aínda).
¿A historia máis celebrada do personaxe máis célebre de Osamu Tezuka, versionada por un dos mellores autores das últimas décadas? Cousas así son dificilmente superables.
[por Myu-chan (Bea)]

No hay comentarios:

Publicar un comentario