O Taller dos Heroes: A Colección Extra Superhéroes
Na anterior entrada, dedicada ao novo evento deceíta, Flashpoint, falaba do que esta historia significaba para a súa compañía: un punto e á parte, un novo comezo, que se confirmará en Maio coa chegada do Novo Universo DC, algo que, nos guste ou non, non é a primeira vez que acontece. Esta, entre outras, é unha das diferenzas que separa a DC da outra grande editorial norteamericana, Marvel, que, ao contrario que a súa eterna rival, aproveita como ningunha as décadas de continuidade que os personaxes que protagonizan as súas series teñen ás súas costas: faino tanto a nivel de aventuras actuais (eventos como Medo Encarnado, que actualmente se edita no noso país, da que falaremos proximamente), coma á hora de reeditar o inmenso fondo editorial, circunstancia da que se aproveita tamén Panini na edición española. E unha das mellores formas que encontrou Panini para sacar á luz todos eses anos de aventuras é a Colección Extra Superheroes (ou CES), cuxos contidos imos comentar a continuación...
Cun título do máis inspirador para os afeccionados que comezaron esta fantástica afección durante a denominada Xeración Forum, CES nace coa idea de cubrir o baleiro temporal (por chamalo dalgún xeito), que había en materia de reedicións, entre o máis clásico (coa liña Marvel Gold, tanto en tapa dura coma en tapa branda), e o máis novidoso (Marvel Deluxe). Obras que naceron nun período de tempo no que a industria do cómic se desperezaba da súa época máis escura, esa parte final dos anos 90 que supuxo un auténtico burato negro para este mundo, e encadradas no que Marvel denominou Heroes Return. Así, CES comezou a súa andaina o pasado ano editando os primeiros números do segundo volume de Thor (con data de portada de Xullo 1998, un ano máis tarde no noso país, da man de Forum), unha serie guionizada por Dan Jurgens e debuxada polo excelso John Romita Jr., con aventuras absolutamente entretidas, e que marcarían os primeiros pasos do escritor nunha serie na que permanecería a chilindrada de seis anos de xeito case ininterrompido.
Seguindo o ronsel do Dios del Trueno, encontramos unha das series máis representativas dese período, Thunderbolts. A serie escrita por Kurt Busiek (un artesán da continuidade, e cuxo nome veredes repetido moitas veces nesta entrada), converteuse nunha das grandes sorpresas da historia de Marvel, ao presentar un argumento tan novidoso como arriscado, colocando personaxes que ningún lector podería ter imaxinado no centro de todas as miradas, permitindo aos afeccionados encontrar un sopro de aire fresco (grazas, entre outras cousas, ao espectacular talento de Mark Bagley) entre os títulos con aire pesimista que imperaran ata a súa chegada.
En CES tamén temos o primeiro ano doutro dos "pesos pesados" do Universo Marvel: Refírome ao Capitán América. Non vos deixedes enganar polo seu nome, e polos tópicos que malintencionadamente arrastra o personaxe. Nestas aventuras o noso heroe demostra que a súa influencia, que a súa loita pola paz e a liberdade vai máis alá das fronteiras do seu país. Da man de Mark Waid e Ron Garney os lectores podemos gozar de emocionantes aventuras, que contrastan co actual ton da serie do Capi (unha das coleccións que deberías estar a comprar mes a mes, editada tamén por Panini), moito máis centrada na espionaxe e o pasado dos protagonistas.
Estes tres recompilatorios terán continuación este ano, pero non foron os únicos personaxes que viron as súas aventuras reeditadas neste formato. Rozando o xénero negro temos Alias, unha das primeiras series de Brian Michael Bendis para a editorial. O arquitecto do Universo Marvel do século XXI formula unha historia moi afastada do canon do xénero, pero brillantemente desenvolvida, e que gustará aos que busquen algo máis que a típica aventura de superheroes. Ao outro lado da balanza está Runaways, que cun estilo moito máis xuvenil e desenfadado, é a colección perfecta para os máis novos da casa, e que queren internarse nas intrigas e aventuras duns heroes adolescentes (case nenos), que se meteron, sen pretendelo, na lea máis gorda das súas novas vidas, culpa de Brian K. Vaughn (guionista da serie de TV Perdidos).
E que pasa coa outra gran franquía Marvelita, os X-Men? Pois CES tamén ten espazo para os mutantes máis famosos, e por partida dobre ademais. Primeiro, con Patrulla-X: La Guerra de Magneto, unha das sagas noventeras máis destacadas do equipo fundado por Charles Xavier, e que conta co gran salvador do grupo durante eses anos, o veterano Alan Davis, nun brillante dobre labor como escritor e debuxante, acompañado de escudeiros de luxo como Fabien Nicieza, Joe Kelly ou Brandon Peterson e Leinil Francis Yu. A outra cara da moeda, moito máis desenfadada, pona Masacre, que en CES nos presenta os primeiros números da súa primeira serie regular, aquela escrita por Joe Kelly e ilustrada por Ed McGuinnes, ambos os dous en estado de graza, nunhas historias que a pesar de ser moito máis lixeiras que as do resto de tomos da liña, quizais perdesen algo de frescura co paso do tempo (aínda que aínda así, segue sendo moito mellor que a serie actual do Mercenario Bocazas). A estas dúas series uniráselles neste 2012 o Cable de José Omar Ladronn, colección inxustamente esquecida e relegada a un segundo plano durante anos, pero que constitúe un dos grandes e máis recomendados logros da sobreexplotada franquía dos X-Men de hai dúas décadas.
Por último, destacar dúas obras destinadas a contentar aos afeccionados con máis coñecementos do Universo Marvel. O CES- Marvel Knights: Inhumanos protagonizado por uns personaxes que naceron baixo a á de Stan Lee e Jack Kirby, e que recuperados aquí por Paul Jenkins, supón unha interesante, aínda que algo irregular, revitalización dos conceptos nos que aqueles dous xenios se basearon para a súa creación. E xa para auténticos "mestres Marvel", o CES: Tierra-X, espectacular obra mestra de Alex Ross, Jim Krueguer e John Paul Leon, que nos presenta o futuro do Universo Marvel mediante unha obra de auténtica enxeñaría que une todos os elementos representativos da continuidade dos heroes máis famosos, e que estou a seguir as series da editorial, buscando e encontrando todos as referencias e acenos a situacións do pasado deste Universo, que os seus autores introducen ao longo dos 12 números que compoñen este tomo.
Todo isto, como xa comentei ao longo das liñas anteriores, continuará este ano, ademais das obras citadas, co grande éxito de Heroes Return, Los Vengadores de Kurt Busiek e George Perez (obra épica onde as haxa, e que recupera o sabor clásico dos Heroes Más Poderosos de la Tierra). Este tomo verase complementado coa publicación de Siempre Vengadores, tamén de Busiek, e co español Carlos Pacheco ao debuxo (unha auténtica homenaxe ao grupo, narrando unha apocalíptica Guerra do Destino que unirá a Vingadores de todas as épocas). O 2012 completarase con Iron Man de Busiek e Sean Chen (serie cun ton parecido ao dos seus Vingadores, e igual de entretida), Universo X (continuación do cómic de Alex Ross e compañía) e unha colección de Daredevil aínda por determinar. Todos eles, títulos perfectos (cunha interesante relación calidade/prezo, aínda que co pequeno "hándicap" do tamaño reducido) tanto para engancharse a este fascinante Universo Marvel, coma para revivir as mellores épocas dos nosos personaxes favoritos.
Enlaces de interese:
Fichas dos títulos publicados http://www.paninicomics.es/web/guest/linea_titulos?category_id=140031
1 feb 2012
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario