22 feb 2012

Star Wars no comic


O Taller dos Heroes: Que a forza vos acompañe…

Despois de que o autor destas entradas estivese enfermo durante uns días :P , recuperamos esta sección (esperamos que xa de maneira regular). E facémolo hoxe falando dunha das máis famosas sagas da historia do cinema... un momento... Cinema? Non era esta unha sección de cómics? Se, e ségueo sendo. Pero é que o éxito de Star Wars, a gran epopea cósmica ideada por George Lucas, foi tal, que pronto derivou en multitude de merchandising e produtos que fixeron as delicias dos afeccionados... e por suposto, tamén unha gran cantidade de aventuras gráficas, que aínda hoxe en día continúan publicándose.


Atrevédesvos a viaxar a unha galaxia moi, moi afastada...?

A finais dos anos 70, Roy Thomas, o eterno sucesor de Stan Le á fronte de Marvel Cómics, leu o guión dunha película que aínda non se rodou, na que un mozo chamado Luke Skywalker convertíase no heroe de toda unha galaxia acompañado dun chulo cazarecompensas (e o seu compañeiro, un alieníxena peludo), unha princesa rebelde, e dous curiosos androides. Aquilo era La Guerra de las Galaxias, e aínda que aínda non se estreara, nas oficinas da denominada Casa das Ideas, xa sabían que sería un éxito. Ou bo, quizais non tanto, porque Thomas tivo que autoconvencerse diso coa axuda do editor en xefe da época, Jim Shooter. O caso é que a longo prazo, a decisión de ambos de adaptar Star Wars ao cómic non foi, para nada, a peor que podían tomar. Ao contrario: non só se aproveitaron do tirón dunha película revolucionaria para a súa época, senón que ademais, salvaron á empresa dunha posible quebra, grazas ás ganancias derivadas da explotación da famosa franquía.

E é que "Star Wars" era diferente. Nesta serie, recompilada no noso país por Planeta en sete luxosos tomos (nas ligazóns do final do artigo tedes todas as súas fichas técnicas), reflectía todo o espírito do flm de Lucas... e ía máis aló. Porque Thomas como guionista do primeiro arco argumental, soubo dotar á colección do máis puro estilo Marvel: aventuras que ían máis aló da película e tamén novos personaxes que se relacionaban con Han Solo e Luke, e que nalgúns casos chegaban a superar en carisma a estes (aínda que a moitos só os veriamos en papel, posto que nunca foron adaptados á gran pantalla). Thomas encargouse nos sete primeiros números de adaptar a primeira película de Star Wars, hoxe considerado o episodio IV (debido ás precuelas que se rodaron posteriormente, e cuxa primeira entrega podedes gozar estes días en 3D nos vosos cinemas favoritos), mentres que Archie Goodwin e, sobre todo, Chris Claremont (guionista da máis incrible etapa da historia dos X-Men), encargáronse de cubrir o espazo entre película e película, entre adaptación e adaptación, cun grandísimo éxito de vendas, inimaxinable neses tempos.



Sen dúbida, o feito de que a editorial colocase ás súas máis grandes autores a contar as aventuras de Luke e compañía tivo algo que ver niso. Polos 107 números de Star Wars desfilaron nomes tan grandes como Carmine Infantino (quizais algo "anticuado" se se lle le agora, pero aínda así, perfectamente disfrutable), Frank Miller, Klaus Johnson, Sal Buscema ou All Williamson. Todo isto, xunto á férrea supervisión do propio Lucas, decidido a controlar tódolos aspectos da súa creación (algo que, por desgraza, hoxe en día xa non sucede). Pero diversos problemas de dereitos provocaron a cancelación de Star Wars, xusto na etapa de Cynthia Martin e Mary Jo Duffy, un equipo creativo de luxo (e feminino... de novo SW adiantábase á súa época), e cuxo traballo é tan lembrado que aínda hoxe en día son convidadas a moitas das convencións que se celebran en todo o mundo sobre a exitosa saga.

Na década dos 90, unha editorial que comezaba a despuntar no panorama estadounidense, Dark Horse Cómics, fíxose cos dereitos de Star Wars no mundo do cómic, e comezou unha longa franquía de coleccións dedicadas ás creacións de Lucas, que dura até os nosos días, e que primeiro Norma, e na actualidade Planeta, editan no noso país. Tom Veitch e Cam Kennedy foron os encargados de recuperar La Guerra de las Galaxias en viñetas, mediante Imperio Oscuro, unha miniserie que contaba  feitos posteriores a El Retorno del Jedi. O seu argumento? Darth Vader morreu, pero un Imperio renacido, baixo un misterioso novo líder, contraataca fronte á Alianza Rebelde, que loitará por protexer ás cabezas da rebelión, Leia e o seu marido Han Solo, perseguidos tamén por Jabba o Hutt.

Posteriormente, a mesma editorial lanzaría coleccións protagonizas por practicamente todos os personaxes principais de Star Wars, así como historias encadradas tanto antes como despois dos feitos que se narraban nas películas. Así, temos Star Wars: Rebelión, no que un amigo da infancia de Luke ponse en contacto con el... aínda que non sabemos se con intención de axudarlle, ou de eliminalo a favor do Imperio; Star Wars: Caballeros de la Antigua República, con historias moi anteriores ás que coñecemos, nunha galaxia na que os Jedi trataban de eliminar aos últimos Sith; Star Wars: Las Guerras Clon (2 integrais), serie na que se narran feitos transcorridos entre o Episodio II e o III; ou, finalmente, Star Wars: Legado, debuxada polo lendario John Ostrander, e que nos seus, até agora, oito tomos (publicados tamén por Planeta), asistimos ao futuro de Star Wars, máis dun século despois do Retorno do Jedi, un futuro no que a familia Skywalker volve ter nas súas mans o destino da galaxia, e no que un terrible ataque a un templo jedi desencadea unha serie de acontecementos que levará á traizón a un emperador e o renacemento da orde dos Sith.

Enlaces de interese

Clásicos Star Wars

Star Wars: Imperio Oscuro

No hay comentarios:

Publicar un comentario