29 feb 2012

Ghost Rider - Espíritu de Venganza


O Taller dos Heroes: Ghost Rider- Espíritu de Venganza

Esta semana estrenouse nos cines de todo o país unha nova adaptación dun heroe do cómic. O Motorista Fantasma volve á gran pantalla de novo interpretado polo inefable Nicholas Cage, nunha secuela da película aparecida en 2007, que tivo unha recadación máis que aceptable, pero que dende logo, non marabillou para nada os afeccionados do personaxe.


Así pois, e deixando a un lado todas as leas que se están comentado ultimamente sobre o enfrontamento entre o creador do personaxe, Gary Friedrich (nos enlaces ao final do artigo encontraredes máis información sobre este polémico asunto), a continuación imos repasar algunhas das historias máis interesantes (bastante máis que as súas adaptacións, todo sexa dito) protagonizadas polo alter ego de Johnny Blaze, que podedes encontrar en calquera das vosas tendas favoritas...

Que mellor forma de coñecer un personaxe que accedendo ás súas historias máis clásicas? Bo... máis clásicas... ou polo menos.... Máis icónicas. E se falamos de historias icónicas par Ghost Rider, falamos dos anos 90, un período no que guionistas como Howard Mackie souberon sacar todo o xugo ao personaxe, que, curiosamente, non tiña en Blaze, senón en Danny Ketch o seu avatar humano. Independentemente disto, segue sendo o mesmo Motorista Fantasma de sempre, con todas as características que o fixeron grande, algo que se demostra tanto no volume Marvel Héroes Ghost Rider. El Espíritu de la Venganza como na súa secuela, Marvel Héroes Ghost Rider. Ghost Rider: Pesadilla VIviente, ambos os dous editados por Panini recentemente.

Mackie únese nestes volumes aos espectaculares artistas Javier Saltares e Mark Texeira para narrar as orixes desta nova encarnación do Motorista Fantasma, a máis macarra da historia, cunhas historias debedoras do último período dos 80, pero que comezaban a marcar os trazos máis característicos do que serían os comics de gran parte da década dos 90 na industria norteamericana (un anti-heroe ao que non lle preocupaba demasiado nin a ética nin a moral das súas accións). O traballo de Mackie vese engrandecido da man de Saltares e Texeira, que cun estilo moi definido, sucio e recargado, moi marcado e doado de recoñecer dunha simple ollada, son capaces de complementarse á perfección, imprimindo ese ton escuro en vos escenarios urbanos nos que se move o personaxe e que tan ben funcionan neste cómic.

Se queredes algo máis moderno, o punto de arranque perfecto é o tomo Ghost Rider: Autopista al Infierno, da liña Marvel Deluxe, tamén de Panini. Trátase do relanzamento dun novo relanzamento do personaxe, esta vez centrado na figura do clásico Johnny Blaze, co guionista irlandés Garth Ennis (autor da famosa Predicador) e o brutal Clayton Crain ao debuxo, un artista que dende entón e fixo un nome na industria grazas ao seu realista trazo. Este volume recupera un personaxe practicamente esquecido pola editorial, relegado a un segundo plano durante anos, e volver colocalo en primeira plana da man dun equipo creativo máis que capaz, que seguía o ronsel do éxito comercial da primeira adaptación cinematográfica do noso amigo da cabeleira ardente. O argumento deste volume é simple pero efectivo, e permite engancharse rapidamente os novos lectores ao mundo de Ghost Rider, sen necesidade de ler nada previamente: "O Motorista Fantasma está condenado a percorrer as estradas do inferno durante toda a eternidade. Intenta escapar, pero, invariablemente, fracasa unha e outra vez. Agora, a súa salvación pode chegar dun aliado inesperado, un anxo atormentado que o podería liberar da maldición,".

O éxito deste proxecto deu paso a unha serie regular escrita primeiro por Daniel Way, e, máis tarde, polo máis que recoñecido Jason Aaron, cuxo traballo conseguiu que público e crítica por igual se fixen de novo no personaxe. Deste novo volume do Motorista Fantasma editáronse no noso país sete tomos, da liña 100% Marvel, ademais dun especial en formato grampa, relacionado co evento World War Hulk (2008, Panini, proximamente en Marvel Deluxe). Nos catro primeiros números desta nova etapa, Way reúne de novo ao equipo Texeira-Saltares, para contar a loita definitiva entre as forzas do inferno e do ceo. Way é un escritor correcto, que obtivo unhas críticas favorables polo seu traballo en Lobeto: Orígenes (a serie regular do personaxe, recompilada aquí en grampa), aínda que non brilla especialmente e ningún aspecto. A pesar disto, presenta un guión que entretén de principio a fin, no que se combinan os argumentos apocalípticos con outros extraidos directamente das películas de terror, ou mesmo unindo o Motorista Fantasma ao evento Marvel da época, Civil War. Pola súa banda, Aaron, especialista en narrar argumentos pouco convencionais, fai equipo cos recargados Tan Eng Huat e Tony Moore, e imprime o Motorista un estilo que se achega moito máis ao tipo de aventuras que viviu o personaxe nos setenta. Jason tráese o máis puro toque Vertigo (non en van, como xa comentamos, escribiu durante todo este tempo o último grande éxito da liña adulta Deceíta, Scalped) ao heroe Marvelita, con grande acerto.

Polo tanto, mentres esperamos a que Panini publique o novo volume das aventuras de Ghost Rider (xa cancelado nos EUA, por certo), podemos gozar de todas estas series, que sen dúbida, recollen con moito máis acerto o que moitos esperamos dun personaxe tan salvaxe, pero á vez, tan humano como este.


Enlaces de interese

COLECCIONABLE MARVEL HÉROES 32-Ghost Rider: El espíritu de la venganza

MARVEL DELUXE. GHOST RIDER- Autopista al Infierno

100% Marvel. Ghost Rider

Sobre el caso Gary Friedrich y Marvel

No hay comentarios:

Publicar un comentario