30 jun 2010

Libros de Vampiros

Hoxe estréase a 3ª e máis movida adaptación da saga que máis fans conseguiu nos últimos tempos, Crepúsculo. Pero estes non son os únicos Vampiros da literatura, nin moito menos:

CLASICOS



Se hai un libro fundamental, é, sen dúbida, "Drácula" de Bram Stoker. Escrito en 1897, todo un cúmulo de factores fai que sexa o piar fundamental do xénero: a forza do personaxe, a época en que foi escrito, a forma de narración mediante cartas e diarios, os personaxes involucrados, as aventuras a través de diversos lugares de Europa, o da mestura de historia, folclore...
Moito do narrado sentaría as bases dos Vampiros tal como os coñeciamos ata hai pouco.

Non foi o primeiro, pois o propio Stoker cita "Carmilla" (1871) de Sheridan Le Fanu como referente no seu traballo, sen esquecer que Polidori escribiu "O Vampiro" (1816) nas xornada das que tamén saíu "Frankenstein" (1818) de Mary Shelley.

Unha das novelas que máis influíu en autores dende Stephen King a George A. Romero é "Soy Leyenda" (1954) de Richard Matheson, en que o último home vivo remata de día cos vampiros que agora poboan o mundo mentres cada noite intenta resistir coa súa vida e cordura intactas.


VAMPIROS MODERNOS



Outro libro imprescindible é "Salem's Lot" (1975), do mestre do terror Stephen King, en que se narra de forma pormenorizada como os habitantes dun pequeno pobo van caendo victima da praga vampírica, e as consecuencias que terá que afrontar cada un deles.

No "El Ansia" (1980) de Whitley Strieber, Miriam busca alguén que a acompañe na súa eterna soidade. Usa un punto de vista científico e ás veces demasiado lento, e a súa versión fílmica, con Deneuve, Bowie e Sarandon, é, probablemente, a miña película favorita de vampiros.

Pero o libro que cambiou a forma que tiñamos de ver aos vampiros foi "Entrevista con el Vampiro" (1976) de Anne Rice. Os seus vampiros son moito máis humanos, e os seus conflitos internos moito máis próximos. A súa continuación, "Lestat El Vampiro" (1985) é probablemente a mellor das dez partes das que acabou constando a saga, que debía finalizar na súa quinta parte, "Memnoch el Diablo" (1995).

A EVOLUCION



No "El Tapiz del Vampiro" (1980) Suzy McKee Charnas retrata a un único vampiro a través de cinco relatos que seguen as suas visicitudes mentres vai tomando diferentes personalidades intentando coñecerse a si mesmo e o por que da súa existencia, nunha análise psicolóxica sobresaínte.

No "El Sueño del Fevre" (1982) George R. R. Martin, coñecido por o seu imprescindible saga Juego de Tronos", tráenos un novo tipo de vampiros nunha fascinante narración ambientada no Mississippi dos barcos de vapor de Huckleberry Finn.

No "La música de los vampiros" (1992) de Poppy Z. Brite preséntasenos aos vampiros como unha raza diferente da humana pero capaz de hibridarse connosco, mentres narra as vivencias duns jovencísimos gótico-punks no cargado ambiente musical de Nova Orleans.

ROL E HISTORIA



"Vampiro: La Mascarada" (1991) de Mark Rein-Hagen considérase un dos xogos de rol máis interesantes, influentes e profundos, pero as múltiples series de novelas editadas posteriormente están moi por debaixo das posibilidades do Mundo de Tebras, sendo mediocres produtos de doado e rápido consumo. Algo moi habitual nas novelas que proveñen dos xogos en xeral.

Non obstante os produtos de Games Workshop teñen un coidado especial neste apartado, e un claro exemplo son as novelas de "Genevieve No Muerta" (1989) de Jack Yeovil, con variadas narracións no mundo de Fantasía de Warhammer, pero que calquera fan dos vampiros pode gozar sen coñecer absolutamente nada do devandito universo.

Jack Yeovil é o pseudónimo de Kim Newman, autor do magnífico "Anno Drácula" (1992) en que mestura personaxes reais como Bram Stoker cos propios protagonistas do seu Drácula, que está agora casada coa mismísima Reina Victoria no Londres de Jack o destripador. Na súa amena continuación, "El Sanguinario Barón Rojo", repite formulación, pero nunha Primeira Guerra Mundial alternativa en que os exércitos son comandados por mortos viventes.

ROMANTICISMO ADOLESCENTE



Os catro libros da saga "Crepúsculo" (2005) de Stephenie Meyer teñen pros (son moi aditivos e conta con personaxes interesantes) e contras (son ñoños e pobremente escritos) pero o seu éxito é innegable, e provocaron todo un rexurdir do xénero. No primeiro só se conta a historia de amor e dos vampiros, non pasando apenas nada, pero en cada libro subseguinte acontecen cada vez máis cousas, o que provoca non pouco interese. O recente "A Segunda Vida de Bree Tanner" é un curto libro só para fans que pouco achega ao xa contado nos outros catro.

A serie de TV "Crónicas Vampíricas" baséase na triloxía que L. J. Smith publicou en 1991, na que Elena atopase atrapada entre dous irmáns vampiros. Os dous primeiros libros son demasiado previsibles, mellorando só ao final, sendo o terceiro sen dúbida o mellor de todos. Os editores obrigaron a autora a escribir un cuarto o desenvolvemento do cal non está mal, pero ten un final que é sen dúbida o peor de todo o aquí comentado. Dende o 2009 está a publicar "O Regreso", tres libros máis que pechan a saga.

A saga de "Medianoche" (2008) de Claudia Gray empeza como máis do mesmo, pero o xiro e posterior desenvolvemento dos libros dan unha nova volta ao carro de historias de amor con vampiros ao que tantos se queren subir agora.

OUTRAS SERIES



Co "Las Crónicas Necrománticas" (1986), Brian Lumley consegue vencer o seu lastre de mediocre seguidor de Lovecraft con cinco libros en que se narra a loita de Harry Keogh, capaz de falar cos mortos, contra vampiros doutra dimensión. Logra sorprender unha e outra vez en cada un dos tres primeiros, pero os dous últimos non están ao mesmo nivel.

A Saga da caza vampiros Anita Blake, de Laurell K. Hamilton, está repleta de acción dende que comezou con "Placeres prohibidos" en 1993. Anita loitas continuamente contra todo tipo de seres sobrenaturais mentres exerce de reanimadora e a vai atraída case por igual por un vampiro e un home-lobo.

A nova película "El Circo de los Extraños" recompila os 4 primeiros libros dos 12 que forman as aventuras de Darren Shan e o "Cirque Du Freak" (2000), unha saga xuvenil en catro partes, que xira entorno ao novo protagonista, un circo con todo tipo de fenómenos, e exércitos de vampiros enfrontados. Os libros intermedios son do mellor, realmente interesantes e aditivos, pero o libro final é tan predicible como anticlimático.

Nos libros sempre se afonda, describe e desenvolve moito máis que nas súas adaptacións á pantalla. A excepción á regra pode ser a serie de TV "True Blood", en que se aproveita e amplía con creces as posibilidades das novelas "Vampiros Sureños" (2001) de Charlaine Harris, nas que a camareira Sookie Stackhouse é capaz de ler as mentes de todos... agás dos recentemente legalizados vampiros.

ULTIMOS CAIROS



"Drácula, el No-Muerto" é a suposta secuela oficial de Drácula, escrita por Ian Holt e Dacre Stoker, sobriño-bisneto de Bram Stoker. Con linguaxe actual e estilo de Best-Seller, non se pode comparar en nada ao orixinal, pero reflicte acertadamente como cambiaron as vidas dos protagonistas de "Drácula" emocional, social, afectiva, e psicoloxicamente, aínda que o desenvolvemento posterior é demasiado previsible, peor non por iso menos interesante.

"Nocturna", de Chuck Hogan e Guillermo del Toro, é a primeira parte autoconclusiva dunha triloxía do director do "El Laberinto del Fauno" sobre os vampiros, resultando unha mestura Tommyknockers, Salem's Lot e Blade 2, cun arranque impresionante e un desenvolvemento próximo ao dunha epidemia de zombis.

"Déjame Entrar" de John Ajvide Lindqvist, é a novela en que se narra a amizade entre o neno Oskar e a nena vampira Eli, nun relato máis complexo e maduro do narrado na orixinal película sueca, o remake da cal está a rematar Matt Reeves (Cloverfield).

"La Sanguijuela de mi Niña" y "Chúpate Esa", de Christopher Moore, especialista en facer sátira (que non parodia) a partir de temas sobrenaturais, trata o romance entre non mortos, os problemas da transformación, os caza vampiros e as góticas con grandes doses de humor. Editáronse en España en orde inversa porque, aínda que ambas as dúas son moi divertidas, a segunda é a que produce máis gargalladas, especialmente para fans dos vampiros en calquera das súas encarnacións.

1 comentario: