CLASICOS
Se hai un libro fundamental, é, sen dúbida, "Drácula" de Bram Stoker. Escrito en 1897, todo un cúmulo de factores fai que sexa o piar fundamental do xénero: a forza do personaxe, a época en que foi escrito, a forma de narración mediante cartas e diarios, os personaxes involucrados, as aventuras a través de diversos lugares de Europa, o da mestura de historia, folclore...
Moito do narrado sentaría as bases dos Vampiros tal como os coñeciamos ata hai pouco.
Non foi o primeiro, pois o propio Stoker cita "Carmilla" (1871) de Sheridan Le Fanu como referente no seu traballo, sen esquecer que Polidori escribiu "O Vampiro" (1816) nas xornada das que tamén saíu "Frankenstein" (1818) de Mary Shelley.
Unha das novelas que máis influíu en autores dende Stephen King a George A. Romero é "Soy Leyenda" (1954) de Richard Matheson, en que o último home vivo remata de día cos vampiros que agora poboan o mundo mentres cada noite intenta resistir coa súa vida e cordura intactas.