22 ene 2011

Trogloditargh




Autor: Walter Obert
Edita: Edge

Todos os días acumulamos estrés, e máis aínda se ao chegar á casa toca reunión con familiares ou coñecidos que non nos caen demasiado ben... pero eses problemas están solucionados con "Trogloditargh", un novo Party Game de risas aseguradas.

Perfectamente xogable de 4 a 8 persoas (aínda que poden xogar máis), mesturando adultos e nenos de (case) todas as idades, no xogo intenta facer unha edificación como na idade de pedra:

unha persoa de cada equipo colle un plano de construción e unha moca inflable, e explica con danzas e palabros cavernícolas como hai que colocar as pezas. Se se coloca ben, daralle ao que a puxo 1 mocazo, e se non, pois 2.

Asegúrovos que é case tan divertido de ver como de participar, e por poñer dous pegas serían que só trae unha trintena de planos diferentes e que o prezo é un pouco elevado... pero sen dúbida paga a pena. Aínda que... coidado coa dor de tripa de tanto rir !

[ Gorende ]

21 ene 2011

Naruto

Autor: Masashi Kishimoto

Editorial: Glenat

Xénero: Shonen

Comezou a publicarse en Xapón en 1999 pola editorial Shueisha na revista Shonen Jump. Cando esta obra alcanzo o tomo 46 xa vendera máis de 90 millóns de copias co que se converteu no quinto máis vendido da historia. Tamén foi adaptada nun anime onde a primeira saga (Naruto) consta de 220 capítulos e a segunda (Naruto shippuden) consta de 194 e seguen publicándose. Tamén foi o terceiro manga máis vendido en 2007 de Shueisha, sendo superado unicamente por One Piece e Nana, mentres que en 2008 foi o segundo manga máis vendido en Xapón, só superado por One Piece.
Tamén se realizaron un montón de xogos case de todas as consolas existentes e sen contar a infinidade de merchandising que podes atopar deste mundo tan particular.


Doce anos antes do inicio da serie, un demo chamado Kyubi (raposo demo de nove colas) atacou á Aldea Oculta da Hoja, matando moitas persoas. Como consecuencia, o líder da aldea (o Cuarto Hokage) sacrificou a súa vida utilizando unha técnica para selalo dentro de Naruto cando era un recén nacido, co que esperaba deter o masacre. Por iso, Naruto foi vítima de maltratos polos que o consideraban como o propio Kyubi. A xeito de solución, o Tercer Hokage (quen tivo que reasumir o mando logo do sacrificio do Cuarto Hokage) publicou un decreto onde prohibía a calquera a mención sobre o ataque do Kyubi, e quen o fixese sería severamente castigado. Doce anos máis tarde, Naruto un ninja adolescente hiperactivo, impredicible e ruidoso, aspira a converterse afanosamente en Hokage e por fin ser recoñecido dentro da súa propia aldea.

Unha serie chea de acción, amizade e loitas espectaculares entre aldeas dun mundo recén recuperado dunha grande guerra ninja, con espectaculares técnicas e xiros inesperados da trama. En España xa podemos gozar do tomo 50.

¡Non vola perdades!

20 ene 2011

D&D Esenciais: Caixa Vermella

Cun pequeno atraso sobre a data prevista, Devir presentou finalmente a edición española de D&D Esenciais: Caixa Vermella


Trátase dunha edición que emula a edición da caixa orixinal de D&D, aínda que adaptada ás regras de D&D cuarta edición (a última presentada).
Nesta caixa atópase todo o necesario para introducirse no mundo dos xogos de rol de forma sinxela. Dous libros de trinta e dous e sesenta e catro páxinas respectivamente presentarannos as regras de xogo actualizadas, as regras de creación de personaxes, así como unha aventura completa.

Un xogo de dados, un mapa para xogar e unhas fichas de cartón acuñado complementan o contido da caixa.

Contido da caixa:

  • Libro de xogo do Dungeon Master, coas regras de xogo, e contido de aventuras para heroes de niveis 1 e 2.
  • Libro do xogador, que contén as regras de creación de heroes e unha aventura en solitario.
  • Unha folla de fichas de cartón acuñado a dobre cara, representando aos heroes e os monstros. 
  • Folla de personaxe e cartas de poderes.
  • Un mapa de combate de dobre cara.
  • Seis dados poliédricos.



18 ene 2011

La Sombra sobre Innsmouth




A Sombra sobre Innsmouth é un dos relatos máis coñecidos do xenial autor de Providence H.P. Lovecraft, as creacións do cal continúan inspirando a todo tipo de artistas en medios tan distintos como o cinema, a pintura, ou a música.

Astiberri publica un novo recopilatorio de sete das súas narracións máis clásicas, ilustradas polo coruñés Antonio Vazquez, que xa puxese imaxes no 2009 á biografía novelada do outro grande mestre do terror do século XX, Edgar Allan Poe, e que soubo plasmar ese ambiente inenarrable, lóbrego e pegañento, nun estilo non moi afastado dos patróns xa clásicos do arxentino Alberto Breccia.

Este tomo é unha perfecta introdución á imprescindible narrativa do xenio que deu vida a nomes propios tan transcendentais e universais xa como Arkham, Cthulhu ou Necronomicón.