20 ene 2012
Flashpoint 1
O Taller dos Heroes: Flashpoint 1
Benvidos a esta nova sección dentro do blog que tratará de cubrir toda a actualidade do cómic americano. Ata agora, fomos publicando diversas recensións de material que foi saíndo nos últimos meses, pero a partir de agora, e cunha periodicidade semanal, abordaremos non só o comentario das obras máis destacadas que chegarán ás vosas tendas cada mes, senón tamén, artigos sobre temas concretos (edicións, personaxes, historias, adaptacións cinematográficas), que esperemos que vos sirvan para comprender aínda mellor este fascinante mundo.
Comezamos pois coa que probablemente é a novidade máis destacada deste mes de Xaneiro no que a superheroes americanos se refire. E é tamén o título estrela do primeiro mes de vida dunha editorial que entrou con forza no panorama do cómic do noso país. Estou a falar de Flashpoint, e, sobre todo, do Catálogo Ediciones, que dende este xaneiro é a posuidora dos dereitos de edición dos personaxes de DC Comics (a compañía dona de Batman e Superman, entre outros) na península.
Flashpoint é un evento moi especial. Escrito polo que foi o construtor das principais historias de DC dos últimos anos, Geoff Johns (Crisis Infinita, Green Lantern, JSA), e debuxada por Andy Kubert, un dos maiores talentos xurdidos da década dos 90 (con obras como X-Men, Batman ou Capitán América), Flashpoint nos somerxe nun Universo DC moi diferente ao que coñeciamos, no que os principais superheroes desapareceron, e no que lendas como Wonder Woman e Aquaman se baten en duelo pola supremacía da Terra. Neste contexto, un home, un único home, o protagonista da nosa historia, recorda que, unha vez, existiu un mundo mellor... e fará o que estea na súa man para devolver á súa familia e amigos ao seu verdadeiro fogar. Ese home, por se o título da historia non o deixara claro, é Flash encarnado na figura de Barry Allen, o corredor que perdeu a vida durante as famosas Crisis en Tierras Infinitas (1985), e que, resucitado da man de Grant Morrison en Crisis Final (publicada por Planeta DeAgostini en 2009), foi devolto á primeira plana do UDC da man (outra vez) de Geoff Johns, que nos demostrou, en comics como Flash: Renacimiento, ou a propia serie regular do personaxe, o potencial que neste velocista había,
Precisamente, é na súa serie regular onde se veu narrando o prólogo a Flashpoint, e mesmo este mesmo mes se pon á venda o segundo e último volume desta, que recompila eses números clave previos á historia que nos ocupa. O traballo de Geoff Johns neste primeiro número de Flashpoint redúcese simplemente a un labor de presentación, tanto da situación que veremos ao longo da miniserie (publicada aquí por ECC en formato grampa e en catro entregas que culminarán en Abril), coma dos personaxes que o protagonizan, incluíndo unha sorpresa das que fan época na última páxina, que deixará coa boca aberta a máis dun lector. Pola súa banda, Kubert mantense fiel á espectacularidade que lle permitiu brillar no pasado, aínda que nalgunhas viñetas podemos observar a falta de definición nalgunhas figuras.
Falaba antes de Crise en Terras Infinitas, e a verdade é que este evento comparte non só a presenza de Flash como figura destacada dentro do seu argumento. Tamén comparte o feito de que Flashpoint supón, como aquela, o final do Universo DC tal e como o coñecemos. Unha vez finalice o evento, todos os títulos da compañía (e algún máis), serán relanzados dende un novo número 1. A iniciativa, que foi todo un éxito comercial nos Estados Unidos (non tanto en canto ás críticas), chegará ao noso país no mes de Maio, ao longo do cal El Catálogo Ediciones poñerá a disposición de todos os lectores unha selección dos mellores 52 títulos deste novo Universo DC. Aínda que, por suposto, xa teremos tempo de falar longo e tendido sobre esas novas coleccións.
Por último, e xa que estamos no primeiro mes desta nova editorial, gustaríame destacar outros lanzamentos interesantes, que seguro que gustarán a máis dun lector: O volume Nuevos Titanes: Juegos, que supón o regreso de Marv Wolfman e George Pérez á colección que lles deu fama e recoñecemento alá polos anos 80; e, por outro lado, o espectacular Batman. El Caballero Oscuro: Amanecer Dorado, que conta cos debuxos dun David Finch no máis alto da súa carreira, despois de ilustrar para Marvel a miniserie Ultimatum. Notase ademáis un esforzo por parte de ECC de mellorar o feito por Planeta en canto a edición dos títulos deceítas, incluíndo un renovado checklist en cada un dos seus lanzamentos, ou atraendo novos lectores a través do poster promocional que se regala con este primeiro número de Flashpoint, ou a portada tripla do número de Green Lantern deste mes.
FLASHPOINT NÚM. 1 (+ POSTER DE REGALO)
Sinopse: Todo cambiou. O mundo que nos presenta Flashpoint apenas parécese ao mundo que coñeciamos. Geoff Johns e Andy Kubert exercen de mestres de cerimonias para abrirnos as portas a este grande evento, que a partir de agora marcará o pulso do que aconteza no Universo DC.
EDICIÓN ORIXINAL: Flashpoint núms. 1-2 USA
DATA PUBLICACIÓN: Xaneiro de 2012
GUIÓN: Geoff Johns
DEBUXO: Andy Kubert
FORMATO: Grampa, 72 páx. a cor.
PREZO: 4,75 €
Enlaces de interese:
Novidades de Xaneiro de ECC Edciones
http://www.eccediciones.com/ComunicadosNovedades/201201Novedades.pdf
Guía de lectura de Flashpoint
http://www.eccediciones.com/contenidos/flashpoint-guia-de-lectura-10010.aspx
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Non son moi fan de DC e moito menos de Flash, pero faiseme interesante esa forma diferente de afrontar o transfondo. Se cadra o máis atractivo para min é que Andy Kubert estea no proxecto, adoro a súa forma de traballar.
ResponderEliminar