Onte comezou en Coruña "Viñetas dende O Atlántico", o director do cal, dende o ano 1998, é o recoñecido ilustrador Miguelanxo Prado. No especial de hoxe repasamos a súa obra, que ten colección propia en Norma Editorial:
- Fragmentos da Enciclopedia Délfica (1983)
O xenio do autor móstrase xa no seu primeiro libro: O futuro evolutivo da raza humana nos próximos 10.000 anos a través de 12 fragmentos da Enciclopedia escrita polos descendentes dos delfíns. Algunhas marcan o próximo salto evolutivo, outras móstrannos a vida dun individuo neses tempos.
- Stratos (1985)
Historias curtas de suposta ciencia ficción en que en realidade se reflicte con humor e crítica social os sen sentidos do mundo actual en que vivimos.
- Crónicas Incongruentes (1986)
Son historias de humor precursoras do que logo sería Quotidianía Delirante: curtas e tan esaxeradas como a vida mesma.
- Manuel Montano e El Manantial de la Noche (1989)
As aventuras e desventuras do detectivesco antiheroe que dá título ao álbum, publicadas orixinalmente na revista Cairo a partir das aventuras seriadas por Fernando Luna en Radio 3. Sempre montado na súa vespa (tan cutre como a súa casa ou o bar que frecuenta) atópase de rebote con casos do máis pintorescos mentres segue a súa busca nocturna de El Manantial de la Noche, a fonte de todos os sonos.
- Quotidianía Delirante (1992)
O recopilatorio integral das historias máis coñecidas para o público en xeral, por formar parte durante anos da revista "O Xoves". A partir de historias máis ou menos reais (di que moitas lle aconteceron a el ou a xente que coñece) as situacións non paran de volverse cada vez máis absurdas. Dende Febreiro ten versión dixital para iPhone.
- Trazo de Xiz (1993)
A escollida para abrir a colección homónima do autor en Norma é Unha das súas mellores obras, nomeada ao Eisner e gañadora no Salón de Barcelona e Angoulême, cunha illa practicamente abandonada á que chega un personaxe tan solitario e particular como todos os que se plasman nun cómic en que corren paralelamente o misterio e as intricadas relacións humanas.
- Tanxencias (1996)
É outra obra entroncada coa anterior, oito historias adultas baseadas nas relacións cuasi imposibles, que nos atrapan sen que poidamos evitalo, márcannos pero non nos enchen. Só nos rozan tanxencialmente, non como os seus personaxes e situacións, que son tan reais que falan directamente ao corazón.
- Pedro e o Lobo (1997)
Versión do conto de Sergei Prokofiev cun lixeiro cambio actualizado do final, sen usar liñas, só o seu inconfundible manexo da cor. Tan disfrutable polos nenos como polos adultos.
- Belo Horizonte (2001)
Un libro en, de e sobre a cidade brasileira que lle dá título, desenvolvéndose para mostrarnos lugares reais desta.
- A Mansión dos Pampín (2005)
Os problemas reais dunha non tan mansión, esaxerándose ata o delirio. Falámosvos dela en http://mergulladas.blogspot.com/2009/12/autores-galegos-2009.html
- De Profundis (2007)
O libro da primeira longametraxe que usa cadros animados por ordenador para contarnos unha sosegada doce e moi mariñeira historia de pescadores e sirenas (non, non hai profundos nin fillos de Dagon). A película é tranquila pero arrebatadora, cunha música da filharmónica galega moi apropiada, aínda que se fai demasiado larga. O tomo é o complemento perfecto a esta.
- Papeis Dispersos (2009)
Recompilación de Bosquexos do autor realizada para presentarse no Salón de Barcelona do 2009.
Aínda pode atoparse a 9ª edición de "Perigo Vexetal" (1995) en que ilustra un relato infantil de Ramón Caride sobre 2 nenos que loitan no 2075 contra as pragas da fame e unha planta que arrasa con todo.
Tamén é un dos 24 autores internacionais que debuxaron outros tantos capítulos do Quijote para o recopilatorio "Lanza en Estaleiro".
E non podemos pechar este especial sen recordar o imprescindible relato que ilustrou en "Noites Eternas" (2004) para "Sono", irmán de Sandman, pedido expresamente polo seu mismísimo creador, Neil Gaiman, grande admirador da obra de Prado.
Podes atopar moitas máis información na súa propia web http://www.miguelanxoprado.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario