12 mar 2010

Astral Project




Debuxo: Syuji Takeya
Guión: Marxinal
Editorial: Planeta DeAgostini

As viaxes astrais son un dos elementos máis característicos da cultura esotérica e espiritual, tanto en oriente como en occidente. Estes sonos lúcidos, como tamén llos/llelos coñece, fálannos da capacidade de ser humano para desdobrarse en corpo e alma, ou corpo e espírito: a esencia espiritual da persoa sepárase do corpo material ou físico e, deste xeito, é capaz de trasladarse a grandes distancias ou, simplemente, observar a persoa dende fóra de si mesma.

Asociados a prácticas relixiosas orientais como o budismo ou o hinduísmo dende hai séculos, as viaxes astrais asócianse a prácticas de meditación ou estados alterados da conciencia, inducidos por medios externos como drogas ou estados de shock, moitas veces creados por vivencias próximas á morte.





Precisamente das viaxes astrais fálanos a nova proposta de Planeta DeAgostini, unha obra asinada polo debuxante Syuji Tayeka e o guionista Marginal (pseudónimo de Garon Tsuchiya, responsable tamén do maxistral manga Old Boy), na cal a fantasía e o misterio se combinan para crear unha obra completa e cativadora como poucas.
Astral Project relátanos a historia de Masahiko, un novo que un bo día descobre que a súa irmá morreu en estrañas circunstancias, grazas á chamada telefónica dunha amiga desta.
Masahiko decide volver ao seu pobo natal para asistir ao funeral e, de paso, pasar por casa dos seus pais para recoller un recordo da súa irmá morta.
Unha vez na casa familiar, decide, seguindo un impulso momentáneo, coller como recordo un estraño CD que atopará no cuarto dela, presuntamente o último que escoitase antes de morrer.





De volta a Tokyo, Masahiko escoita o CD e descobre, para o seu asombro, que a música que nel se atopa o induce a un estado no que o seu espírito se separa do seu corpo. Aterrado ante a nova experiencia, ao principio non se atreve a separarse demasiado deste, pero pronto decidirá comezar a experimentar coa nova situación, afastándose máis e máis do seu corpo ata sobrevoar toda a cidade.
Estas experiencias levarano a preguntarse acerca da estraña morte da súa irmá: ¿e se morreu por non poder volver unir o seu espírito co seu corpo?
Así, comezará unha intensa busca tanto no plano espiritual como no material en busca de respostas, as cales lle levarán a coñecer algúns detalles sobre a música que se escoita no misterioso CD, polo visto obra dun magnífico saxofonista de jazz chamado Robert Ayler (músico que, por outro lado, existiu realmente), así como a atoparse con diversas entidades espirituais, os que o achegarán paulatinamente á verdade sobre todo o asunto.





Unha absorbente e enigmática historia da que xa podemos gozar completa
coa publicación do seu cuarto tomo.

[por Myu-chan (Bea)]

No hay comentarios:

Publicar un comentario